lunes, 23 de marzo de 2009

O bandoleirismo na comarca das Pontes

A situación social e económica que atravesa Galicia ao longo do século XIX favoreceu, como noutras rexións de España, o fenómeno do bandoleirismo.

A guerra da Independencia foi o seu caldo de cultivo. As dificultades da posguerra, a crise política case permanente, a inseguridade creada polas partidas realistas, o estancamento das estructuras productivas, a gravosa fiscalidade -os temidos "trabucos"-, e as crises de subsistencia provocan un aumento da marxinalidade nos sectores rurais máis desfavorecidos, de onde proceden a maioría dos membros que integran as gavelas, que devastan con periódica regularidade tanto as facendas dos máis pudentes como as casas dos labregos.

"En los años 10 y 11 [numerosas gavelas] espantaron no pequeña parte de la población con sus atrocidades, violentos robos, crueles y sacrílegas muertes dadas con los trabucos y carabinas de que solían armarse a personas de ambos sexos y estados. Esta inhumana milicia era compuesta de crecido número de individuos, hombres y mujeres, unos ejecutores, otros receptadores y alcahuetes, capitaneados de los más valerosos y atroces, cuyos motes adquiridos por sus hazañas por sí solos causas espanto: el Tigre, el Fiero, el Fibillas, el Pirillas, el Demo vivo, y así otros..." (Saurín de la Iglesia, Rosa Mª, Apuntes y documentos para una Hª de Galicia en el siglo XIX, A Coruña, 1977).

Era éste un bandoleirismo moi afastado do modelo clásico andaluz, onde o bandido é unha figura heróica, xenerosa e admirada pola comunidade; bandoleirismo que garda similitudes co que Hobsbawm denomina "bandoleirismo social". O galego é un bandoleirismo case inominado, que apenas deixa lembranza de nomes na memoria popular, a excepción dos citados e doutros poucos, como o Sopiñas, Manuel Balseiro -que menciona Baroja en La casa del crimen- ou Mamede Casanova, o derradeiro bandoleiro galego, que Valle-Inclán retratou con simpatía. A violencia xusticieira do bandoleirismo convírtese en gratuita e brutal no caso galego; é frecuente a ritualización da matanza do porco ou as torturas sexuais. O bandoleiro e, polo tanto, unha figura odiada e os seus latrocinios espertan a solidaridade dunha comunidade que condena os delictos que atentan contra a propiedade. Aínda que os obxectivos son variados, abundan os roubos ás rectorais. Isto explica o aspecto de casas fortes que presentan, con grosos muros e troneiras, e tamén que o arcebispo de Santiago solicite ao Gobernador da Coruña permiso para que os párrocos podan utilizar armas de fogo.

As gavelas contaban con redes de confidentes que lles informaban dos obxectivos máis atractivos. E ademáis, receptadores e alcaiotes, moitos deles mulleres, encargaríanse de vender o botín nas feiras e mercados.

A actividade bandoleira é intensa na primeira metade de século. A partir da segunda metade diminúe considerablemente debido á estabilidade política, á unha maior eficacia na represión da criminalidade -creación da Garda Civil- e ao conxunto de reformas administrativas emprendidas polos gobernos liberais.

Na comarca do Eume son alomenos tres as gavelas das que se teñen noticia. Unha delas, con centro en Pontedeume, estendía as súas accións por Xubia, Moeche, As Pontes, Caaveiro... Estaba dirixido por Luis Prieto, morto en 1826 nun encontro con voluntarios realistas, pasando logo a estar capitaneada por un desertor do Exército, Gregorio Fernández, que morreu na aplicación da lei de fugas. Outra gavela operaba tamén nas proximidades de Pontedeume, onde se adicou a asaltar, entre 1820 e 1824 as rectorais de Espiñaredo, Cabalar, A Capela e a igrexa de Goente. A terceira tiña como centro As Pontes. Entre os seus membros, que foron na súa maioría encarcerados, figuraban: Antonio San Esteban, alias "Moreno", José Palma, Luis Antonio Ferro e o seu fillo Manuel, Vicente Ferreiro e Pedro Castelo Toxeiro. Cometían os seus delictos no Freixo, onde asaltaron a casa do crego Juan de Roca y Pardiñas (1824), e Monfero, onde roubaron a un comerciante maragato.

Entre as aportacións máis recentes da nosa literatura atópanse as novelas Pepa a Loba, de Carlos G. Reigosa, semblanza da máis coñecida e lexendaria bandoleira galega, e Morning Star, de Xosé Miranda.

(Información obtida a partir do libro de Beatriz López Morán, El bandolerismo gallego en la primera mitad del siglo XIX, e do artigo Bandoleiros na comarca do Eume, de Carmen Otero e Manuel Domínguez).

No hay comentarios: