lunes, 4 de mayo de 2009

Guerra Civil en Galicia


Os numerosos conflitos socias que se deron ao longo da II República española e as numerosas oposicións que xurdiron, culminaron nun momento de crispación social e os que esperaban na sombra souberon cando era o momento idóneo para actuar. Así, producíuse o alzamento militar en xullo do 1936 que daría lugar a unha cruenta guerra civil que enfrontou a dous bandos, o republicano e o nacional.
En Galicia, ao igual ca noutras zonas, a guerra foi moi dura. A Coruña e Ferrol foron as pezas claves da conspiración. A Coruña era a sé da Capitanía Xeral do Rexemento de Artillería e Ferrol, sé da Capitanía Xeral da Armada. Paralelamente á conspiración militar, e en ocasións en complicidade cos propios militares, creouse unha trama civil en cidades como Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense ou Lugo, onde os efectivos militares eran máis reducidos.
Na cidade da Coruña, as forzas republicanas preparáronse para defender a República, ao ter noticia do levantamento do exército en Marrocos. Dende o 18 de xullo non se pechan as portas dos gobernos civís e dos concellos facendo garda e asumindo diversas tarefas.
En Galicia, a sublevación militar iniciouse o día 20. En moitas cidades e vilas non houbo pasividade nin neutralidade. Durante varios días e varias noites, ata o pronunciamento do exército, constituíronse comités e agrupacións que se mobilizaron a favor da defensa da República. Procuraron armarse con pistolas e escopetas procedentes das requisas feitas nas armerías e nalgúns domicilios, organizando quendas de vixilancia nos gobernos civís e noutros puntos extratéxicos como Correos ou as emisoras locais. A CNT mostrouse especialmente activa.
Tras breves enfrontamentos coas forzas leais na Coruña, Vigo e Ferrol, os sublevados fixéronse co control, e actuaban de acordo cun programa moi simple: por un lado tendo un control absoluto do poder, a través de cambios inmediatos nas alcaldías; e por outro, por medio do terror, perseguindo os líderes, fusilando a uns e encarcerando a outros. Tratábase de consolidar pola forza unha transición que podía chegar a ser moi dificil, utilizando o terror como un instrumento de dominación política.
A Falanxe converteuse nun instrumento de dominación civil en Galicia.
Os vencedores tiveron que recrutar persoal para atender os diversos servicios públicos,
as mulleres entregáronse a unha afervoada acción social a favor dos exércitos, confeccionando roupa para os soldados, e mesmo como madriñas de guerra , alimentando a esperanza de oficiais e soldados con cartas afectuosas que lles daban pulos aos combatentes na loita.
Na zona rural a represión dependeu, en moitas ocasións, da actitude adoptada polos mandos da garda civil ou dos párrocos. Normalmente chegaba a garda civil esixindo o rendemento, e os alcaldes para evitar mortes acostumaban decidir a rendición, pero non por iso se impuxo a calma, grupos de comunistas, anarquistas e agrarios de esquerda, con algún galeguista, refuxiáronse nos montes dispostos a proseguir na defensa da República, pero foron escorrentados ou detidos polas forzas da Garda Civil, apoiados sempre por falanxistas. Algúns deles nunca foron collidos, foron os chamados fuxidos e os maquis.
Dende os cuarteis militares fixábanse os obxetivos para destruír, e as mans executoras eran os falanxistas, requetés, xapistas...
A represión non só foi física, senón que afectou tamén ós postos de traballo; sobre todo aos mestres sobre os que se exerceu unha implacable persecución.
Na fábrica de armas da Coruña e no Arsenal Militar de Ferrol, aceleráronse as producións de obuses e a construción de buques. Habilitáronse campos de concentración en moitos lugares de Galicia como Poio, Silleda…que estiveron cheos de prisioneiros republicanos dende 1937.
Galicia foi dirixida ó abastecemento do Exército durante a guerra; miles de mozos galegos participaron nos combates.
Moitos galegos que estaban na zona republicana ou que conseguiron escapar de Galicia, colaboraron eficazmente coa República.
Finalmente, o triunfo da sublevación militar contra a II República, ao cabo de tres longos anos de Guerra Civil, estableceu a ditadura do xeneral Franco.
Aínda que os vencedores deixaron escritas nas súas crónicas que Galicia se entregou, isto non é certo. Houbo resistencia, aínda que inútil pola superioridade do inimigo. Non houbo entrega senón derrota. A resistencia foi improvisada, pouco organizada, pero era a primeira vez na historia de Galicia na que unhas minorías politizadas asumían a defensa dun réxime político. Non faltaron efectivos dispostos a defender a República, só faltaron armas e persoas experimentadas neste tipo de conflitos.

1 comentario:

BEA ABREU dijo...

Gustaríame saber en que parte de Poio se ubicou o campo de concentración.
Gracias