sábado, 25 de abril de 2009

Mestres na II República



A comezos do século XX, a ensinanza pública limitábase a ensinar as catro regras, a ler e escribir, e inculcar aos alumnos as ideas de disciplina, xerarquía e autoridade . Os estudos medios e superiores estaban reservados unicamente ás clases máis poderosas da sociedade.
A II República española que se proclamou o 14 de abril de 1931 simboliza a democracia e a modernidade, a liberdade, a educación e o progreso, a igualdade e os dereitos universais para todos os cidadáns. Para implantar un Estado democrático, necesitábase un pobo alfabetizado, e a Republica atopouse cunha España analfabeta, e desnutrida, pero ansiosa por aprender. Créase o concepto de escola unificada que garantía a gratuidade da ensinanza ata os dazaoito anos e de asistencia obrigatoria ata os doce para todos os nenos e nenas en igualdade de condicións, independentemente da súa condición social, relixiosa, e política.
Por iso, unha das reformas máis importantes que levou a cabo a II Republica foi a da ensinanza, creando unha escola pública, obrigatoria, laica, mixta e inspirada no ideal da solidaridad humana, onde a actividade práctica era o eixo da metodoloxía. Moitos dos seus ideais estaban contidos na Institución Libre da Ensinanza.
Proxectouse a creación de 27.000 escolas, nas que se colocarían aos mellores mestres, antes formados nuns cursos preparatorios impartidos por inspectores (que non só tiñan carácter fiscal) co que se melloraba a formación dos educadores. Ademais, a República elevou o Maxisterio a carreira universitaria, mellorando considerablemente os soldos dos mestres, quen pasaban moitos apuros económicos, de aí a célebre frase pasas máis fame cá un mestre de escola.
Mais antes de educar, a Republica tivo que alimentar e incluso vestir os alumnnos. Había cantinas e roupeiros escolares, e tiveron unha gran popularidade as colonias escolares, nas que os alumnos viaxaban ao mar, á montaña, salía de excursión, facían deporte, e sobre todo comían. Intentouse facer do alumno o protagonista do novo proxecto pedagóxico, creando unha ensinanza moito máis participativa e activa, por examplo, saíndo ao campo para experimentar as leccións das ciencias naturais, estimulando así, a curiosidade do alumno.
Os mellores esforzos en canto á innovación educativa e calidade da ensinanza comezan coas Misións Pedagóxicas da II República, o 70% dos homes eran analfabetos, e moito máis as mulleres. Os máis ilustres escitores, poetas, pedagogos… levaron ata o último punto de España (este tratábase dun país principalmente rural) camionetas cargadas de libros (auténticas bibliotecas ambulantes), proxeccións cinematográficas, teatro (destaca a famosa compañía de teatro A Barraca)… tíñase que levar a cultura ao pobo, xa que un pobo non pode ser libre se non ten cultura.
Outro principio da escola republicana era a neutralidad relixiosa, ideolóxica e filosófica, respectando a conciencia dos nenos, e a liberdade relixiosa dos profesores que ata entón tiñan a obriga de impartir clases de relixión. Prohíbeselles ás ordes relixiosas impartir ensinanzas.
Esta experiencia durou moi pouco, varios xenerais golpistas, con Franco á cabeza, apoiados pola Igrexa católica, e a dereira máis reaccionaria, encargáronse de acabar con esta aventura pedagóxica, subvencionando xenerosamente a escola privada, erradicado todos os aspectos progresistas da escola republicana, degradando novamente os estudos de Maxisterio, e retraendo economicamente aos mestres á época anterior á República.
Moitos mestres e mestras foron asasinados , acusados de ateos, de corruptores de mentes, de extranxerizantes, rompendo coa orde tradicional española.
Non en van se coñece a II República como a República dos mestres, fabulosamente ilustrada na película A Lingua das volvoretas, baseada nun dos relatos do libro ¿Que me queres amor? de Manuel Rivas, que narra a vida escolar na Galicia de 1936, cun mestre de ideas liberais e republicanas, que vai ser vítima da sublevación fascista.

No hay comentarios: