miércoles, 21 de enero de 2009

Calomarde


Francisco Tadeo Calomarde de Retascón y Arriá naceu en Villel o 10 de febreiro de 1773 no seo dunha familia de humildes labradores, quen lle ofreceu a oportunidade de recibir unha educación superior á súa clase social. Con 15 anos comezou os seus estudos de Filosofía e Leis na Universidade de Zaragoza. Rematada a carreira, comezou a escribir discursos e informes que presentou ante as Reais Sociedades Económicas de Amigos do País para promover a agricultura e a economía no contexto ilustrado español.
Máis tarde, transladouse a Madrid, onde obtivo unha carta de recomendación dun amigo seu para Antonio Beltrán, valido de Carlos IV. Hospedouse na súa casa e fíxolle as beiras á súa filla, Juana Beltrán, o que favoreceu a súa entrada na Corte. Antonio Beltrán conseguiulle ao seu futuro xenro, unha praza de oficial na secretaría de Gracia e Xustiza de Indias. Mais cando Calomarde toma posesión do cargo, pon en entredito a boda, feito que enoxou a Antonio Beltrán. Este, queixouse a Godoy, quen lle deu a escoller entre a cárcere ou o altar, polo que en 1808 casou con Juana Beltrán. Co estalido do motín de Aranxuez, Calomarde rompeu o seu matrimonio con Juana.
Durante a Guerra de Independencia, permaneceu en España, opúxose á ocupación francesa e defendeu a tradicional e conservadora forma absolutista do poder. Tamén mostrou a súa oposición ás Cortes de Cádiz. Trala volta de Fernando VII ocupou diversos postos de importancia: Foi nomeados fiscal do Tribunal Especial de Ordes, oficial maior da Secretaría de Estado e Despacho Universal de Indias, o rei recompensouno coa subsecretaría de Graza e Xustiza...
Nembargantes, co Trienio Liberal (1820-1823) e co xuramento á Constitución por parte do rei Fernando, Calomarde (obxecto de odio para os liberais) permaneceu en Pamplona. Volvendo dous anos mais tarde a Madrid. Coa chegada dos Cen Mil Fillos de San Luis, nomeouse unha Rexencia e Calomarde foi o seu secretario. Co retorno do rei, convertiuse na man dereita do monarca, tendo unha gran influencia nel. Por aquel entonces, había dous partidos que disputaban o favor do rei; un era o moderado realista ( Francisco Cea Bermúdez estaba á cabeza) e outro era o ultra-realista (á cabeza do cal estaba o propio Calomarde). A política educativa de Calomarde ( Plan Xeral de Estudos do Reino) levouno a modificar de forma radical as ensinanzas universitarias, suprimindo gran parte dos estudos científicos a favor do Dereito e da Teoloxía. Chegou incluso a crear escolas de tauromaquia e a realizar reformas na educación primaria.
Durante o conflito sucesorio entre o infante Carlos (irmán de Fernando VII) e Isabel (filla do rei), apoiou ao primeiro por ser partidario de defender a Lei Sálica. Conspirou activamente e, cando o rei caeu gravemente enfermo tras derrocar a Lei Sálica (A Pragmática), conseguiu que este firmara un Decreto para volvela poñer en vigor. Por isto, a infanta Luisa Carlota lle deu unha labazada diante de toda a Corte, o que motivou que dixera a famosa frase: “Manos blancas no ofenden”.
Cando o rei se recuperou, puxo de novo en vigor a Pragmática e Calomarde foi desterrado a Teruel. Tras a orde da súa detención, huíu a Roma e mais tarde, instalouse en Toulouse (Francia) onde axudou a numerosos exiliados españois de todas as ideoloxías políticas. Morreu nesta cidade o 19 de xullo de 1842.

No hay comentarios: