jueves, 30 de octubre de 2008

Leccións dun vello mestre

A semana pasada presentabase en Ferrol o último libro de Santiago Carrillo, Dolores Ibárruri. Pasionaria, una fuerza de la naturaleza. O vello dirixente comunista, amáis de conservar unha gran lucidez intelectual, segue mostrando aos 93 anos a forza e a frescura dun xove revolucionario. Carrillo glosou a figura da Pasionaria, aquela muller que, procedente dunha familia de mineiros, “saída das entrañas do pobo”, e forxada nas loitas sindicais durante a ditadura de Primo de Rivera, liderou durante a Guerra Civil, nas trincheiras de Madrid, a defensa popular da República baixo a consigna do “No pasarán”. Daquela convertiuse nunha das personalidades políticas españolas máis recoñecidas internacionalmente.

Posteriormente, durante o seu exilio na URSS, coincidindo cos duros anos da Guerra Fría, dirixiu os destinos do PCE. A súa traxectoria política prolongouse ata os inicios da transición democrática cando, de volta a casa trala morte de Franco, foi elexida deputada nas primeiras eleccións democráticas. A Pasionaria foi unha auténtica precursora, como suliñaba Carrillo, de loitas que aínda hoxe en día seguen pendentes.

Non faltaron referencias por parte de Santiago Carrillo a situación política actual, á crise económica, á cuestión da memoria histórica -onde insistiu na necesidade de que o debate debe manterse no ámbito político e non no xurídico-, para acabar defendendo a unidade da esquerda en Europa, proceso -afirmaba- que debe ampliarse a movementos sociais tradicionalmente non marxistas.

No hay comentarios: