lunes, 22 de diciembre de 2008

Manuel López




Estes días temos a oportunidade de ver unha mostra fotográfica de Manuel López que abrangue o período de 1966-2006, na sala de exposicións do Mercado Vello da nosa vila.
Manuel López nace en Boimorto (A Coruña) o 21 de febreiro de 1946. Con 12 anos trasládase coa sua familia ao barrio de Montealto na Coruña, e cinco anos despois emigran a Colonia (Alemaña) onde continua cos seus estudos. Alí realiza varios traballos coma fotógrafo ambulante. Mais tarde marcha a Suíza onde traballa coma fotógrafo de prensa. Cando en 1970 regresa a España, xa cunha boa formación no oficio, pasa a formar parte do cadro de persoal da Gaceta ilustrada. No trienio de 1976-1978, que comeza coa Transición logo da morte de Franco ata a proclamación da Constitución Española, é testemuña ocular dos acontecementos que marcaron ese período da historia recente de España, que representa a súa maior produción fotográfica. No 1980, bota a andar a Fundación Española da Fotografía, que serviría para sensibilizar a opinión pública soobre a liberdade de expresión. Organizou varias campañas para promover a fotografía e o seu ensino. Combina a súa actividade fotográfica como docente, poñente, xurado de concursos fotográficos…
As súas imaxes recollen o que foi a vida no noso país nos últimos corenta anos, que supuxeron unha trasformación moi profunda cara o país que é hoxe en día. Manuel soupo captar as expresións de alegría, de dor, as frustracións, o progreso… das xentes fotografadas. Nelas represéntanse momentos tan importantes da nosa historia como o fallido golpe de Estado de Tejero no congreso dos deputados o 23 de febreiro do 1989, distintos instantes da campaña das eleccións xerais de xuño do 1977, varias concentracións e manifestacións coma a da CNT na praza de touros de Las Ventas en Madrid en 1977, a do día da Patria Galega en Santiago en 1977, a manifestación do Primeiro de Maio de 1966 en Colonia (Alemaña)… Mesturados momentos da vida cotiá como o xogo da cucaña nas festas de Carballo (1977), a feira de Arzúa (1976), traballadores da SEAT (1976), fotos de familia…

miércoles, 17 de diciembre de 2008

Xoán Díaz Porlier


Naceu en Cartaxena de Indias no ano 1788 no seo dunha importante familia da América española, mais marcha co seu tío, Rosendo Porlier e Asteguieta (oficial da Armada) a España, onde participa na batalla do Cabo Finisterre e na batalla de Trafalgar. Trala derrota na batalla contra os ingleses, solicita o traslado ao exército. A Guerra da Independencia sorpréndeo coma tenente coronel de Granaderos en Extremadura, levando a cabo unha gran oposición contra as tropas francesas. Nesta etapa recibiu o nome do Marquesiño (xa que se facía pasar polo sobriño do marqués Don Pedro Caro Sureda para conseguir voluntarios na loita contra os francesas). Tomou o pseudónimo de Xoán de Cartaxena durante o desenvolvemento da guerra.Casou con María Teresa, irmá do conde de Toreno. Co retorno de Fernando VII ao finalizar a guerra e co rexeitamento da Constitución gaditana de 1812 por parte deste, comezou a súa oposición cara o monarca. Foi detido en Madrid e levado á Coruña, onde queda retido no castelo de San Antón. Obteu o permiso para ir ao balneario de Arteixo alegando ter unhas doenzas, mais este dirixiuse á casa de Andrés Rojo do Cañizal, comerciante liberal, dende onde preparou o pronunciamento que levaría a cabo na Coruña a noite do 19 de setembro do 1815. Dous días máis tarde, diríxese con 864 homes cara Santiago con obxectivo de tomar a cidade mais nun descanso no camiño, no Mesón de Deus, é traizoado por un grupo de sarxentos do 6º Reximento de Mariña. É condeado a morte e executado na Coruña o 3 de outubro de 1815.

A nosa Constitución cumpriu 30 anos


O pasado 6 de decembro celebráronse 30 anos da aprobación da Constitución española do 1978.
Coa morte de Franco o 20 de novembro do 1975, iniciouse o período de Transición española cara a Democracia. Proclamouse rei a Xoán Carlos I e Arias Navarro pasou a ser presidente do Goberno, segundo as disposicións establecidas por Franco. Trala dimisión forzada de Arias o rei elixe a Adolfo Suárez para substituílo. O novo goberno enviou ás Cortes o proxecto de lei para a Reforma Política coa finalidade de que sexa aprobado. Posteriormente foi sometido a referéndum.
O 15 de xuño do 1977 leváronse a cabo as primeiras eleccións libres dende febreiro do 1936. Unha das tarefas fundamentais das Cortes foi a redacción dunha Constitución. Nómbranse sete deputados que eleboraron un anteproxecto da Constitución. Unha vez consensuado o texto polo Congreso dos Deputados e polo Senado, foi levado a referéndum o 6 de decembro de 1978, iniciándose así a etapa constitucional (a máis longa na historia de España) que dura ata os nosos días nos que algúns constitucionalistas se plantexan a necesidade dalgunhas reformas, pois as condicións da vida española actuais non son as de hai 30 anos.

lunes, 8 de diciembre de 2008

Heroes de San Marcial

En xullo de 1813, tralo triunfo hispano-británico na batalla de Vitoria, Arthur Wellesley, duque de Wellington, xeneralísimo do exército aliado, puxo sitio á cidade de San Sebastián, ocupada polos franceses. Co obxectivo de socorrer á praza, o xeneral Soult dispuxo o avance das súas tropas desde o leste. Os aliados apostáronse nas ribeiras do río Bidasoa. O continxente español, formado polo 4º Exército, chamado tamén Exército de Galicia, ao mando do xeneral Manuel Freire, dispúxose nas alturas de San Marcial.

Ao amencer daquel chuvioso 31 de agosto, despóis de cruzar o Bidasoa, os franceses atacaron toda a fronte. Tras uns momentos iniciais de vacilación, as tropas españolas lograron rexeitalos. Os franceses iniciaron entón un intenso bombardeo que foi aproveitado para colocar unha ponte sobre o Bidasoa. En canto estivo disposta, cruzaron varias divisións, coa intención de atacar polo centro e pola dereita, pero foron repelidos pola 5º División, ao fronte da cal atopábase o mariscal Juan Díaz Porlier, el Marquesito. Un novo ataque contra a á esquerda foi novamente detido polas tropas de Porlier que, avanzando ladeira abaixo, obrigou ao inimigo a rebasar o río.

A derrota francesa en San Marcial -con cerca de 3 600 baixas fronte a algo máis de dúas mil españolas- e a caída de San Sebastián, sinala o inicio do fin da presencia francesa en España.

O protagonismo das tropas do 4º Exército durante a acción é suliñado por Wellington na orde do día, onde o valor mostrado polos nacionais é loubado polo xeneral con encendido entusiasmo:

Guerreiros do mundo civilizado: aprendede a selo dos individuos do cuarto exército español, que teño a dita de mandar. Cada soldado del merece, con máis xusto motivo que eu, o bastón que empuño. Do terror, da arrogancia, da serenidade e da morte mesma, de todo dispón á súa arbitrio. Dúas divisións británicas foron testemuñas deste orixinal e singularísimo combate, sen axudarlles en cousa algunha, por disposición miña, para que levasen eles sos unha gloria que nos anais da historia non ten compañeira.


Españois: dedicádevos todos a premiar aos infatigables galegos, distinguidos sexan ata o fin dos séculos, por levar o seu denuedo e bizarría onde ninguén chegou ata agora, onde con dificultade poderían chegar outros, e onde eles mesmos poder exceder, se seica é posible.
Nación española: o sangue vertido de tantos cides vitoriosos foi recompensada con 18 000 inimigos e unha numerosa artillería que desapareceron como o fume, para que non nos ofendan xamais.

Franceses: fuxide pois ou pedide que vos ditemos leis, porque o 4º Exército español, o Exército de Galicia, vai detrás de vós e dos vosos caudillos a ensinarlles a ser soldados.










martes, 2 de diciembre de 2008

Alí Bey: un español na Meca

Viaxeiro por Oriente, espía ás ordes de Manuel Godoy, Domingo Badía Leblich –o seu nome en clave era “El Diablo”- foi un precursor da exploración científica do contiente africano, un visionario que intuíu o enorme valor estratéxico da ruta a Oriente e un intrigante que se moveu con soltura na corte de Carlos IV e na de Xosé I, recibiu os favores de Napoleón e tamén os de Luis XVIII.

Autodidacta, coa curiosidade científica dun ilustrado e a paixón aventureira dun romántico, Domingo Badía naceu en Barcelona en 1767 pero pronto afincouse en Andalucía. Pioneiro fracasado da aerostática en España escribiu, entre outras obras, un tratado de higrometría e ata chegou a concebir un plan de invasión de Portugal.

En 1801 presentou a Manuel Godoy un “Plan de viaje de África con objetivos políticos y científicos”, proxecto que, baixo a apariencia dunha viaxe científica a Marrocos, escondía unha trama para tratar de desprazar do trono ao sultán Muley Suleimán, pouco inclinado aos intereses do goberno español no norte de África.

Durante dous anos preparou concienzudamente a expedición. Adquiriu diversos aparellos e fíxose circuncidar. Contaba para os seus fins cunha rede de axentes ás ordes do coronel Francisco Amorós, “Jenny”, coa que se comunicaba a través de cartas de amor cifradas.

Baixo a identidade de Alí Bey El Abbasí, un sirio de Aleppo, Domingo Badía, chega a Marrocos en 1803. Coñecedor da língua e dos costumes, Alí Bey non tardou moito en gañarse a confianza do sultán, que lle fixo entrega dun pazo en Marrakech e lle ofreceu abrandares para o seu harem.

Durante dous anos Alí Bey percorreu o país, recollendo información etnográfica e xeográfica. E mentres, tenteaba á confraría dos Derkaua e ás tribus do sur acerca da posibilidade de derrocar ao sultán. Decatado éste das súas maquinacións e confundido cun axente secreto turco, Alí Bey é expulsado do país. Marcha entón cara a Trípoli. A súa intención é peregrinar á Meca. Pasa un tempo en Chipre onde cambia de identidade. Diríxese desde aquí a Exipto, daquela suxeito ao dominio da Sublime Porta, pero en realidade gobernado de forma autónoma polo baxá Mehmet Alí. Visita O Cairo e, a finais de 1806, entra na Meca. Era a primeira vez que un europeo penetraba na cidade santa do Islam. Levanta mapas, visita a Kaaba, coñece ao envelenador oficial e asiste ao ascenso dos wahabíes.

En 1807 parte cara a Jerusalén, pasa por Damasco e Constantinopla e en 1808 atópase en París. Informado dos cambios políticos que acaban de producirse en España trasládase a Baiona, onde estaba retida a familia real. Consegue ser presentado ao emperador, que lle nomea cabaleiro do Santo Sepulcro. En Madrid é favorecido por Xosé I co nomeamento de intendente de Córdoba, levando a cabo reformas educativas e urbanísticas, ata que é detido por malversación. Tralas vitorias hispano-británicas marchou a Francia, logrando ver publicados as súas “Voyages d´Alí-Bey en Afrique et en Asie”. En 1815 presenta ao rei Luis XVIII o proxecto dunha nova viaxe. Pretendía nesta ocasión cruzar o continente africano de leste a oeste. Parte en 1818 cara a Constantinopla baixo o nome de Hash Alí Otman. Coñece a Lady Hester Stamhope, a “raíña do deserto”, e John Lewis Burckhardt, dous dos grandes viaxeiros europeos. Vese envolto no xogo de intereses que as potencias europeas comezan a desenvolver en Oriente. Probablemente envelenado, as últimas noticias que se tiveron del situábano nunha caravana rumbo á Meca.

Vexo que o Alí Bey O Abbasi tomoume a dianteira en describrir A Meca, pero espero poder completar a súa información. Tiven ocasión, recentemente de revisar a súa obra; se ben non me gustan ni o estilo no que está escrita nin as ínfulas do seu autor, é forzoso confesar que, tras un concienzudo exame, non acho motivos para cuestionar a lexitimidade de Alí.

John Lewis Burckhardt