domingo, 10 de mayo de 2009

Vivencias na Guerra Civil

Eu era unha nena cando meu avó morreu e, aínda que conservo na miña memoria algunhas das historias que nos contaba sobre a guerra, a maior parte delas seinas grazas ao meu pai, ás miñas tías e incluso ao meu irmán, quen gustaba moito de escoitar o que meu avó vivira naqueles anos de penurias.
Naceu no ano 1917 e con 18 anos marchou facer o servicio militar no corpo de Infantería de Ferrol, onde o sorprende o levantamento, polo que o exército no que lle toca combater é no Nacional. Comenza para el unha longa vagaxe pola xeografía de España nas distintas frontes abertas: Zaragoza, Toledo, Teruel, Burgos, Asturias, Cataluña... pero principalmente na do Ebro.
O seu primeiro destino foi Toledo, na tenda de cociña, comezando así, unha peregrinaxe nas distintas frontes. Falábanos da fame que pasaron en Burgos, onde moitas veces a única comida da que dispoñían eran as píntegas e cobras (ou mesmo raíces) que atopaban. O frío, a fame, as chinches e os piollos eran algo habitual na guerra. En canto podían fervían agua e botaban a roupa nela para desparasitala, ademais de lavarse eles, por suposto. El contaba moitas cousas deste período triste e difícil da súa vida, como cando unha noite, atopándose na fronte do Ebro, deitánronse a durmir (ao raso, como era habitual) e á mañá seguinte apareceron cubertos dun manto de neve de cincuenta centímetros.
Outra anécdota é o nome da súa primeira filla, Esther. Nunha ocasión estaban nunha aldea de Barcelona, cuxa ermida estaba dedicada a Santa Esther, cando foron emboscados polo exército republicano. Despois de moitas horas de combate e saír ben daquela situación, fixo a promesa de que se tiña unha filla algún día (aínda estaba solteiro) chamaríalle Esther en lembranza da Santa. E falando de promesas feitas, outra que fixera cando partira da súa aldea fora que se voltaba san faríalle a festa ao santo Patrón, San Ramón.
Da fronte do Ebro tamén contaba que nunha ocasión estaban eles dun lado dunha valgada e os republicanos no outro. Pola noite baixaban buscar agua ao río, xuntábanse cos republicanos e tiñan o acordo de non dispararse, intercambiaban comida, tabaco, novas e algunha que outra carta, pois había xente do lado republicano con familia no lado nacionalista e ao revés. As cousas ían ben durante un tempo, mais unha noite que os do bando nacional baixaron, os republicanos non o fixeron e comezaron a disparar. Segundo meu avó foi o único día que disparou conscientemente a matar na guerra, pois estabanlle caendo os amigos e compañeiros. Anos despois cando o contaba, disculpábaos dicindo que posiblemente recibiran ordes dos altos mandos. Nesta fronte foi ferido, tempo despois, por un morteiro nunha perna, xusto cando atravesaban unha ponte. El tivo sorte, mais moitos compañeiros morreron alí. Ingresado no hospital estivo a piques de que lle amputaran a perna dereita. Non quixo e opúxose enerxicamente dicindo que prefería morrer a vivir coxo para sempre e afortunadamente, salvouse sen ningunha secuela. Anacos de metralla do morteiro estiveron anos dentro da súa perna. Tamén aquí fixo un amigo para o resto da súa vida, Manuel de Gaibor (Lugo). Mentres viviron convidáronse polas festas dos seus patróns e sempre que tiñan ocasión xuntábanse para falar, mais non precisamente da guerra.
Algo que repetía moi a miúdo era que nos dous exércitos había moita xente, sobre todo nos soldados rasos, nos que non había unha ideoloxía marcada, senon que estaban nun bando ou noutro polas circunstancias onde os colleran. Tamén era frecuente oirlle que a guerra era unha desfeita de corpos, de vidas... sen ningún sentido, e que as barbaridades cometíanse en ámbolos dous bandos. Foran anos tráxicos para toda España, que a sumiron na miseria.
Cando rematou a guerra, aínda non acabaran as desgrazas para el, pois como os anos de guerra non lle contaron como anos de mili, chegou á casa e tivo que volver incorporarse dous anos máis. Pasados eses dous anos, voltou por fin e cumpriu as súas promesas. Casou e á primeira filla chamoulle Esther, e tamén dende entón e mentras puido, fíxolle a festa ao seu santo Patrón, San Ramón.

No hay comentarios: